A fábrica de Pontevedra consegue xerar 98.271 MWh entre xaneiro e xuño de 2011, case 17.390 MWh máis que no mesmo período de 2010
11 de agosto de 2011.- A fábrica galega de Ence aumentou a súa produción enerxética en case un 21,5% no primeiro semestre do ano, xerando ata 98.271 MWh de enerxía con biomasa, 17.389 MWh máis que no mesmo período de 2011. É un resultado moi positivo que pon de relevo a vantaxe enerxética do proceso de produción de pasta de papel e a eficiencia operativa da planta galega.
Para a xeración de enerxía, a fábrica de Pontevedra nútrese da propia codia dos eucaliptos, que chegan á factoría para a súa transformación en pasta de papel, e da biomasa residual procedente do proceso produtivo, isto é, todos os compoñentes da madeira que non son celulosa. Para iso, a planta galega conta con dúas turbinas de contrapresión que suman 37 MW de potencia instalada.
No constatado aumento da eficiencia da planta de Pontevedra inflúe especialmente a mellora do rendemento enerxético da fábrica, que conseguiu ese aumento produtivo en paralelo á diminución do consumo de combustible fósil, logrando unha redución do uso de fuel do 2,4%.
En xeral, os bos resultados da compañía no primeiro semestre denotan un crecente aumento da eficiencia enerxética de todas as súas plantas de pasta de papel, algo moi importante para Ence que se acha inmersa no desenvolvemento do seu ambicioso plan de enerxía renovable coa construción de nove plantas de biomasa nos próximos catro anos.
Este crecemento en enerxía renovable de Ence, que se formula o desenvolvemento en 2015 de 210 MW de potencia instalada a partir de biomasa, colaborará sen dúbida no cumprimento dos obxectivos nacionais para o desenvolvemento desta fonte de enerxía renovable.